RIBEIRA> O concello de Ribeira agarda finalizar a reforma da praza do Centenario de cara ó mes de abril. Esta actuación garantirá a accesibilidade universal do espazo que contará ademais con máis zonas verdes e unha ampla área de xogo para a mocidade.
As obras da reforma integral da praza do Centenario avanzan a bo ritmo polo que a actuación principal podería estar rematada ó longo do mes de abril. Ademais de solucionar as deficiencias que presentaba o aparcadoiro subterráneo, as obras terán como resultado un espazo diáfano, accesible e verde para o lecer veciñal.
Unha vez rematada a primeira fase, acometerase a conexión a través de plataforma única coa praza do concello mediante a rúa Otero Pedrayo. Tamén terá continuidade cara o barrio das Abesadas cunha especie de adro ó carón do novo auditorio.











