Pouco marisco nas lonxas tralo paro da actividade en varias confrarías

RIBEIRA> Pouco marisco este verán nas lonxas galegas tralos episodios de mortaldade que provocaron o peche de actividade en moitas confrarías. Na de Ribeira tan só abriron a campaña da ameixa rubia reservando a babosa a partir de novembro.

Aínda que no verán aumenta a demanda de marisco, dado o tirón do turismo e da restauración, este ano nas lonxas escasean algunhas especies.

A alta mortaldade durante as pasadas riadas derivou no peche da actividade en moitas confrarías, que se está a notar nas rulas galegas.

En Ribeira iniciaron a campaña da ameixa rubia en Castiñeiras, con capturas modestas. A babosa non abrirá ata o mes de novembro.

Tampouco abonda a nécora que abría xunto co polbo a pasada semana. Nas primeiras xornadas foron poucas as embarcacións que se dedicaron a esta especie polo que apenas se descargaron algúns quilos na lonxa aínda que si acompañaron os prezos.