Nove novos médicos incorporaranse ós centros de saúde do Barbanza

BARBANZA> Nove médicos incorporaranse ós centros de saúde do Barbanza trala adxudicación das prazas do concurso de méritos convocado polo SERGAS. Queda aínda vacante unha en Ribeira que volverá ofertarse en segunda rolda.

O SERGAS vén de publicar a relación de adxudicatarios do concurso de méritos convocado para as prazas de facultativo especialista en atención primaria. Nesta primeira rolda son un total de 65 prazas de difícil cobertura ben por estar vacantes ou ocupadas por persoal interino ó non terse cuberto nos últimos procesos de concurso de traslados ou ofertas de emprego público.

No Barbanza serán 9 os profesionais que se incorporen ós centros de saúde da comarca nas próximas semanas posto que dispoñen do prazo dun mes para tomar posesión da praza unha vez se publique no DOG. 3 farano en Boiro e 2 en Rianxo mentres que os centros de atención primaria da Pobra, Esteiro en Muros, Noia e Ribeira aumentarán os cadros de persoal cun novo médico de familia.

Aínda que nos concellos da bisbarra acollen con satisfacción es incremento do persoal, son conscientes de que é insuficiente para solucionar o colapso da atención primaria derivado non só da falla de recursos humanos senón tamén de medios técnicos e infraestruturas, como é o caso de Rianxo.

No caso de Ribeira queda aínda unha praza por cubrir que, xunto coas outras 6 que quedaron vacantes toda Galicia, volverán ser ofertadas os aspirantes que non obtiveran praza en primeira rolda. O SERGAS busca, mediante este concurso que non require exame, dar resposta ó importante déficit de persoal en atención primaria.