Ana Mª Rúa expón na ABE as medidas sobre comercio adoptadas pola Consellería

    BOIRO > A Directora Xeral de Comercio e Consumo, Ana María Rúa Souto, mantivo na tarde do xoves un encontro cos comerciantes de Boiro e Rianxo para abordar as diferentes medidas que se pretenden implantar dende a Xunta de Galicia. No transcurso da xuntanza, que se celebrou no local da Asociación Boirense de Empresarios, a representante da Consellería de Industria contribuiu a aclarar as principais dúbidas dos asociados.

    Un bo número de empresarios e comerciantes déronse cita no local da Asociación Boirense de Empresarios para intercambiar opinións coa directora Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Industria, Ana María Rúa Souto.

    Os asociados amosaron un grande interese polas novas medidas que se pretenden adoptar dende a administración autonómica relativas ó sector comercio.

    Entre elas, a titular de Comercio anunciou a reducción das subvencións para a realización de estudos de viabilidade pola escasa rendabilidade que supoñen. A partir de agora, será a propia Consellería a encargada de elaborar estes informes con obxectivo de aforrar custos.

    Ana María Rúa estivo acompañada neste acto polo presidente da ABE, Joaquín Vilas e varios representantes do executivo municipal encabezados polo seu alcalde, Xosé Deira, que agradeceu a visita da directora xeral. A este respecto, Ana María Rúa explicou que a intención do goberno da Xunta de Galicia é coñecer ‘in situ’ os problemas e necesidades de tódolos concellos en lugar de realizar unha ‘política de despacho’ que nos se corresponde coas demandas reais da cidadanía.

    Redacción Barbanza