PORTO DO SON> Este mediodía quedaba extinguido o incendio rexistrado na parroquia sonense de San Pedro de Muro, nos límites con Ribeira. Segundo informaron fontes da consellería de Medio Rural a superficie afectada foi de aproximadamente unhas 20 hectáreas. Na súa extinción participaron un total de oito axentes, 21 brigadas, 13 motobombas, 2 pás, 4 avións e 4 helicópteros.
Non foi o único incendio rexistrado esta fin de semana na comarca do Barbanza. O sábado dábase tamén por extinguido outro lume. Neste caso en Lousame, na parroquia de Vilacova, e afectou a unha superficie dunhas 41 hectáreas, na súa maioría de monte arborado. Na súa extinción traballaron 5 axentes, 11 brigadas, 6 motobombas, 1 pá, 5 helicópteros e 6 avións.