Isaac Maceiras exercerá a presidencia de Arousa Norte durante o 2006

BARBANZA > Este luns tivo lugar o acto oficial de traspaso de poderes na Mancomunidade de Municipios Arousa Norte no transcurso dun pleno durante o cal se perfilaron tamén as liñas de actuación que seguirá a entidade este ano. O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, cedeulle a presidencia ó seu homólogo pobrés, Isaac Maceiras,  que ocupará o cargo durante o 2006.

O alcalde da Pobra do Caramiñal é xa oficialmente o novo presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte despois do traspaso de poderes que se realizou o luns na sede da entidade no transcurso dunha sesión plenaria na que se abordaron outros asuntos de importancia.

Foi precisamente Maceiras Rivas o encargado de pormenoriza-los acordos tomados no pleno do organismo supramunicipal entre os que destacan dirixir un escrito á Delegada Especial da Axencia Tributaria de Galicia solicitándolle que siga operativa a oficina de Ribeira dado a importancia que ten para a comarca, así como manter unha xuntanza coa Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, para tratar da axilización dos trámites para a conversión da actual vía rápida en autovía. 

Maceiras Rivas aludiu tamén ó feito de que Arousa Norte pretende conseguir mediante a intervención da Fundación Paideia dun Plan Proder.

A Mancomunidade ten previsto participar este mes de xaneiro en dúas feiras de turismo, a de Lisboa que terá lugar do 18 ó 22 e FITUR do 25 ó 29, para as que se realizou diverso material informativo sobre pazos e igrexas, festas, rotas de senderismo e espazos naturais.

Redacción Barbanza