A POBRA> Isabel Soler recolleu o premio do concurso de ideas convocado polo concello da Pobra para homenaxear ás vítimas de violencia de xénero. A artista pobrense elaborará unha escultura que representa a unha muller liberándose desta lacra. Instalarase nun espazo público fronte ó mar.
Esta escultura, que representa a unha muller liberándose, avanzando cara o mar, lembrará ás vítimas da violencia de xénero na Pobra. A súa autora, Isabel Soler, resultou gañadora do concurso de ideas convocado polo concello para render homenaxe a tódalas mulleres que sufriron maltrato.
A autora disporá dun ano para executar a obra en gran tamaño que se emprazará nun espazo público aínda por determinar. O único certo é que será a carón do mar.
Ademais do premio de 3 mil euros recibirá unha dotación máxima de 9 mil euros para a execución da escultura. O concello entregou tamén un diploma á segunda clasificada, Columba Bello, quen agradeceu a oportunidade que supoñen estas iniciativas para trasladar a arte á rúa con fins didácticos.