BOIRO > Os donos dos nichos e panteóns do cemiterio de Santa María do Castro mantiveron unha xuntanza para decidir a posta en marcha dunha comunidade de usufructuarios do recinto. No transcurso da reunión procedeuse á aprobación dos estatutos da comunidade e nomeáronse os cargos da xunta rectora. A nova comunidade constitúe a primeira en Galicia das súas características.
Os máis de cincocentos propietarios de parcelas no cemiterio de Santa María do Castro, en Boiro, déronse cita na tarde do sábado no Pavillón do Colexio Valiño, para a constitución dunha comunidade de usufructuarios do camposanto.
A iniciativa contou co respaldo de case tódolos asistentes á reunión, á que tamén asistiron o alcalde de Boiro, Xosé Deira e o Primeiro Tenente Alcalde, Xoán Xesús Ares, en representación do concello.
O obxectivo deste novo órgano, de estrutura similar ás comunidades de veciños dos edificios de vivendas, é lograr que tódolos propietarios do cemiterio fagan fronte ós custos de mantemento de maneira equitativa, de xeito que se permita unha xestión máis eficaz.
Durante a xuntanza procedeuse á lectura dos estatutos da nova comunidade, que constitúe a primeira de Galicia e designáronse os cargos dos seus dirixentes.
Así mesmo, someteuse a votación a proposta de reformar unha parte das instalacións e a posibilidade de aboar unha cota anual de seis euros, iniciativas que foron respaldadas pola maior parte dos socios.
Por outra banda, o recén constituído organismo acordou emprender accións xudiciais contra o propietario dun eucalipto que, dende hai tempo, ameaza a seguridade do cemiterio.
Redacción Barbanza