![]()
RIBEIRA > O tenente alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, referiuse ó deficitario estado das instalacións do matadoiro ribeirés que a día de hoxe, lonxe de prestar un bo servizo, soamente está a causar perdas. O deputado popular entende que é necesario e positivo o feito de que existan instalacións deste tipo pero apuntou a urxencia de acometer unha reforma para adaptar as actuais dependencias ás esixencias da normativa europea.
Cada vez está máis lonxe a posibilidade de obter unha autorización temporal para a posta en marcha do matadoiro ribeirés que vén xerando unha grande polémica dende que a Xunta decretara a paralización da súa actividade.
A necesidade da súa reforma é compartida polo grupo municipal do PP posto que as instalacións presentan un gran número de deficiencias e a prestación do servizo está a xerar perdas.
Non obstante, os populares entenden que se trata dun servizo moi necesario non só para o municipio senón para toda a comarca. Neste sentido, consideran que é necesario poñer en marcha as actuacións precisas para conseguir que as instalacións se adecúen ó regulamento da Unión Europea.
Manuel Ruíz non comparte, sen embargo, a proposta do PSOE de crear un novo edificio posto que o concello non podería asumir un gasto tan importante. Polo momento, as arcas municipais financiarán o setenta por cento do medio millón de euros que suporá a reforma das instalacións.
Redacción Ribeira







