O GROVE > A pesares de que no congreso do PP se incidiu moito en que se pechou a sucesión sen ningún tipo de rupturas isto non foi de todo certo. Unha das primeiras consecuencias do relevo foi a dimisión de Paula Janza como concelleira e presidenta do PP do Grove. Fixo o anuncio tan só 24 horas despois de que tivera lugar o congreso e sobre a súa dimisión falou tamén o presidente provincial quen anunciou que se creará unha xestora ata a celebración do congreso local.
A nova, que se rumoreaba nos últimos tempos, fíxose oficial na mañá do luns a través dun comunicado de prensa, no que concelleira e presidenta do PP do Grove,
Paula Janza, asegura toma-la decisión por motivos profesionais, familiares e políticos. Quizais estes últimos son os que máis pesaron.
Hai que recordar que Paula Janza apostaba por Xosé Cuíña como sucesor, mentres o alcalde apoiaba a Núñez Feijoo. E anque gañou este, non se pode esquecer que nas eleccións locais do Grove gañou o candidato de Paula Janza e foi un dos poucos concellos onde saiu elexido Xosé Cuíña.
Sen embargo os acontecementos posteriores que remataron coa toma de posesión de Feijoo e a desaparición de Cuíña do mapa político, xa que nin asistiu ó congreso, deixaron á ex deputada meca nunha difícil situación que facía presaxiar este desenlace. Queda por saber agora como tomará a militancia popular do Grove esta decisión de Paula, xa que, á vista dos últimos acontecementos, demostrouse a división existente na agrupación local.
Redacción Salnés