Luisa Piñeiro: ‘Pido á Audiencia Provincial que analice o meu recurso. Pido que se faga xustiza’

MORAÑA> A exalcaldesa de Moraña e exdelegada da Xunta en Pontevedra volve defender a súa inocencia. Luisa Piñeiro publicou no seu perfil de Facebook un vídeo no que dá conta dun escrito que lle vén de remitir o Ministerio Fiscal. O documento sinala, segundo asegura a propia Piñeiro, que non cometeu ningún delito na subvención para as obras do campo de fútbol do Buelo. Ela foi condenada e recorreu a sentenza ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.

Esta é, segundo Luisa Piñeiro, unha parte do escrito que lle vén de remitir o Ministerio Fiscal. Un documento que responde ao recurso de  Piñeiro ante a Audiencia Provincial de Pontevedra contra a sentenza que a condena por irregularidades na subvención para as obras do campo de fútbol do Buelo, cando era alcaldesa de Moraña.

Nun vídeo publicado no seu perfil de Facebook, a exalcaldesa e exdelegada da Xunta en Pontevedra amósase sorprendida por este cambio de postura do Ministerio Fiscal.

Piñeiro foi considerada cooperadora necesaria do delito de prevaricación e autora dun delito de fraude. Sentenza que lle valeu unha condena de dous anos de cadea e oito de inhabilitación para emprego ou cargo público, e que está recorrida na Audiencia Provincial de Pontevedra.

Tralo xuízo, considerouse probado que a Deputación de Pontevedra no ano 2013 concedera unha subvención de máis de 86.000 euros para realizar unhas obras no campo de fútbol de Moraña que, na súa maior parte, xa foran executadas con anterioridade.

Por este caso tamén foi condenado o presidente provincial naquel momento, Rafael Louzán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí