O patrón maior de Rianxo afea a Mar que acuse ó sector de ‘perda de interese’ polo libre marisqueo

RIANXO> A Consellería do Mar plantexou ás confrarías a posibilidade de pechar os bancos de libre marisqueo ante a perda de interese dos mariscadores. Dende o pósito de Rianxo consideran unha falla de respecto que responsabiliza ó propio sector da precaria situación en que se atopan os bancos ante a falla de medidas para a súa rexeneración.

A proposta dun peche temporal dos bancos de libre marisqueo formulada pola Xunta ás confrarías xerou disparidade de opinións. Dende o pósito de Rianxo, con gran dependencia do libre,  amósanse moi críticos coa xestión autonómica que acusa ó sector de perda de interese ante as dificultades para extraer recurso do Bohído e Cabío, posto que Os Lombos permanecen pechados.

O patrón maior rianxeiro responsabiliza á Xunta da baixada da produtividade ó non adoptar medidas para a rexeneración dos bancos. Aplícanse as mesmas unha ano tras outro dende hai máis dunha década sen resultados.

Ante as dificultades que está a atravesar o sector, o patrón maior de Rianxo bota en falla unha resposta máis contundente por parte do resto dos pósitos posto que o futuro do marisqueo pende dun fío.