RIANXO> A Mancomunidade deu a coñecer esta mañá un total de 65 itinerarios turísticos da zona a través dos cales busca situar este destino en toda a rede de axencias de viaxes a nivel nacional e internacional. A empresa encargada de realizar este proxecto foi o touroperador Viajes InterRías, a primeira axencia en España na xestión de grupos e circuítos turísticos.
Dende hai tempo a mancomunidade Barbanza Arousa busca posicionar este destino turístico en toda a rede de axencias de viaxes a nivel nacional e internacional, coa finalidade de poñer en valor os principais atractivos desta comarca. E que mellor maneira de facelo, que botando man dun dos touroperadores a nivel nacional máis importantes na xestión de grupos e circuítos turísticos como é Viajes InterRías, principal creador ademais de produtos para grupos e individuais.
Ó longo dos últimos meses a empresa traballou arreo para coñecer de primeira man tódolos atractivos turísticos desta zona. E o resultado foron un total de 65 itinerarios, con temática variada, no que destacan as enormes potencialidades desta comarca, moitas delas aínda por descubrir.
E dentro deses itinerarios, destaca principalmente o Camiño de Santiago A Orixe.
O presidente da mancomunidade Barbanza Arousa, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, fixo referencia precisamente á importancia deste proxecto que persegue dar a coñecer os recursos desta comarca e este destino turístico.