CIG asegura que non existe expediente de traslado de Marsac

    O GROVE > ‘Non existe expediente de traslado da factoría de Marsac e Alfageme sempre garantiu que a campaña do mexillón se faría no Grove’. Así o aseguran os representantes sindicais da CIG en Arousa, Rosa Abuín e Salvador Ribadomar. Acusan a Comisións Obreiras e ó PP meco de manipular o conflicto.

    A CIG acusou a Comisións Obreiras e ó PP do Grove de mentir e manipular no conflicto de Marsac para beneficio propio. A central sindical desmentiu tódolos motivos que orixinaron a protesta. Tanto Rosa Abuín como Salvador Ribadomar aseguran que non existe aínda un expediente de traslado da factoría e que polo tanto aínda non se puido negociar. Insisten tamén en que a empresa xa confirmara desde un principio que a campaña do mexillón se ía traballar no Grove, e que as traballadoras nunca foron despedidas.

    A CIG cre que o conflicto, que cualifica de virtual, está arestora nunha vía sen saída. Asegura que Comisións está a buscar escusas para pórlle fin, facendo referencia por exemplo ós rumores sobre unha posible venda da conserveira. Unha opción que o sindicato desminte rotundamente.

    No mesmo saco que Comisións, a CIG mete ó PP do Grove. Critican sobre todo ó alcalde por presentarse ante os medios como abandeirado duns postos de traballo en Marsac, que, din, xa estaban asegurados. E reclámanlle ó goberno local infraestructuras para que as empresas poidan permanecer no Grove.

    Redacción Salnés