VILANOVA > A opción de vixiar as principais zonas de Vilanova con cámaras de seguridade atrae cada vez máis ó goberno local. A empresa que negocia a instalación co Concello presentaralle dentro duns días as condicións do contrato. O xoves xa realizou unha demostración do sistema de vídeo vixilancia e na reunión tamén participaron empresarios e comerciantes locais.
Concello, empresarios e comerciantes de Vilanova aplauden a instalación de cámaras de seguridade no municipio. Técnicos dunha empresa que comercializa este sistema fixeron unha demostración ante membros do goberno municipal, a Policía Local e algúns empresarios. O máis decidido en optar por esta opción de vixilancia é o goberno municipal, coa intención de previr roubos e actos vandálicos. O proxecto do concello inclúe a instalación de cámaras no paseo do Cabo, na praza do consistorio e no entorno da Basella, tres dos lugares máis transitados e nos que xa se produciu máis dun destrozo.
O sistema de vixilancia que se lle amosou ó concello e a empresarios consta dunha serie de cámaras motorizadas conectadas en rede e controladas a través dun equipo informático desde a dependencias da Policía Local de Vilanova. Poderanse recuperar as imaxes cando recollan algún suceso e entregaranse ademais ás autoridades se un xuíz o require.
A demostración tamén interesou a empresarios do polígono de Tremoedo, que barallan a posibilidade de colocar cámaras nas entradas do parque empresarial. Os comerciantes de Vilanova Centro estudiarán esta decisión na asemblea da asociación.
Redacción Salnés