Os veciños de Godos mobilízanse en contra da ampliación do aeródromo

    aerodromo_100.jpgCALDAS > Os veciños da parroquia caldense de Godos seguen adiante cas súas medidas de presión contra o aeródromo que está ubicado…

    …preto das súas casas. Estes días están pendurando pancartas reivindicativas nas que ratifican a súa negativa ante esta infraestructura e teñen previsto acudir o vindeiro pleno ordinario, que terá lugar a finais de mes, onde se vai a debater unha moción relativa a este asunto. O recruecemento desta postura veciñal, segundo eles mesmos, dáse neste momento no que a promotora Campañó Luna, propietaria do hangar e da pista de aterraxe de avionetas, ten previsto ampliar estas instalacións para convertelas nun macro-complexo deportivo.

    Os veciños desconfían destas intencións, e pensan que só se trata dunha estratexia para legalizar a actual infraestructura. Estes caldenses aseguran que por parte da promotora se están recollendo sinaturas de apoio ó novo macrocomplexo deportivo entre a xente moza; ca escusa de que lles van a crear unha pista de karting: algo que os veciños pensan que é incompatible; posto que os karts non poden circular con tranquilidade namentres as avionetas sobrevoan raso sobre as súas cabezas.

    Ademais, a orixe destas críticas veciñais xira en torno a outros moitos puntos: o primeiro deles é que o aeródromo minguou o seu índice de calidade de vida. Os veciños tamén denuncian que o promotor non respecta o servizo das fincas, que nos lles deixa atravesar por onde ata o de agora había dous camiños comúns, e que taponou os desaugues e as presas; o que está a provocar o constante asolagamento das súas fincas. Asemade, tal e como rezan nas súas pancartas, á pista é ilegal posto que non conta cos permisos correspondentes e a delegación da Consellería de Política Territorial xa dictaminara fai tempo que este espazo debera ser devolto ó seu estado natural anterior, unha indicación que o promotor desoíu, segundo os veciños.

    Máis aló destas reivindicacións, os veciños están sobre todo preocupados pola súa seguridade, xa que non é a primeira vez que unha avioneta cae nestes paraxes, logo dun intento errado de aterraxe. Estes afectados aseguran que forman un colectivo de máis de 200 persoas, malia que moitas delas xa están deixando de protestar ante o sentimento de impotencia e de falla de atención e defensa por parte das autoridades locais.

    Contestación promotor aeródromo

    O promotor deste aeródromo, José Manuel Campañó Luna; declarou para Televisión do Salnés Barbanza, que el foi o encargado de executar este aeroclub, e agora o que pretende, xunto con outros socios, é crear un complexo deportivo; que inclúa dúas canchas de tenis, unha sede de piragüismo con embarcadoiro, un centro social, unha pista de aterraxe de aviación deportiva, outra de aeromodelismo e unha pista de quads e cars infantís.

    O proxecto desta nova infraestructura, que non persegue, segundo o promotor, ánimo de lucro algún, está depositado no Concello á espera de contar con tódolos permisos; unha tramitación que está agardando a que se remate a concentración parcelaria. Campañó tamén asegurou que o aeródromo non causa ningún prexuízo, posto que as aeronaves non sobrevoan as vivendas, e ademais a infraestructura non afecta negativamente ás fincas conlindantes.

    Declarou tamén, que os poucos veciños que protestan son unha mínima parte de Godos, que nin sequera son os propietarios dos terreos. O promotor defende tamén que conta co apoio dos distintos grupos políticos caldenses, pero que xa se encontra un pouco farto destes problemas que alguén promove desde a sombra con intereses políticos e mesmo, no caso dun veciño que se dedica a negocios non legais, por carraxe persoal.

    O mesmo José Manuel Campañó remitiunos ós resultados da enquisa que está a elaborar o grupo político esquerda unida na súa páxina web; na que case o 60 % dos votantes opinaron que esta infraestructura é moi necesaria para Caldas.

    A saturación do promotor sobre este problema faille propoñerse desfacer toda a pista e deixar a Caldas sen esta infraestructura, ca que contan cidades como Coruña ou Lugo, entre outras.

    Redacción Salnés.