As ‘pretensións desproporcionadas do BNG’ dificultan o pacto de goberno

    psoeboiro_100_130607.jpgBOIRO > O pacto de goberno entre o BNG e o PSOE de Boiro está, a apenas dous días da sesión de investudura, no aire.

    Despois de tres xuntanzas as comisións negociadores de ámbolos dous partidos non chegaron a acordo. Ó parecer o problema radica nas concellerías que deberá asumir cada formación. Os membros do Partido Socialista compareceron en rolda de prensa para explicarlle ós veciños de Boiro as súas peticións.

    O candidato do PSOE boirés sinalou que a decisión da agrupación local xa lle fora transmitida á executiva comarcal, remitíndolle ademais toda a documentación oportuna sobre as negociacións.

    Para os membros do Partido Socialista as pretensións do BNG son totalmente desproporcionadas, tratando de recorta-las competencias da concellería de Obras, como é o caso de praias, limpeza viaria e xardíns, retirarlle Benestar Social e levar da concellería de Educación a área de Política Linguística, ofrecéndolle Marisqueo e Pesca, Turismo e Policía Local. Xoán Xesús Ares negou ademais que que a rotura das negociación viñera por mor da solicitude dos socialistas de leva-la carteira de Urbanismo.

    Abertos ó diálogo

    Polo de agora as negociacións están á espera dun novo contacto, que aínda non está fixado. Aínda así dende o PSOE sinalouse estar disposto e aberto ó dialogo, e mesmo esta mañá Ares intentou manter unha xuntanza sobre este asunto con Xosé Deira, que se negou, remitíndoo á comisión negociadora.

    A pesar de manter unha xuntanza coa candidatura do PP, o número un dos socialistas confirmou a súa aposta por un goberno progresista e ratificou que o seu grupo nunca apoiaría a candidatura de Xoaá Xosé Dieste como alcalde.

    Redacción Barbanza