As traballadoras de Marsac trasladan a Gallego a súa problemática

    O GROVE > As traballadoras de Marsac reúnense por fin coa Conselleira de Pesca en Santiago. Tras varias peticións de entrevista e prórrogas por parte de Carmen Gallego o Comité de Empresa poralle sobre a mesa os seus problemas e trasladaranlle dous aspectos clave: a permanencia da fábrica e o problema da deslocalización das conserveiras. Todo isto nun momento no que non ocultan o seu disgusto polas declaracións da CIG do venres pasado.

    Os ánimos comezan a baixar e cunde o aburrimento entre as traballadoras de Marsac que dende fai xa dous meses vixían a entrada da fábrica. Tras recibir apoio de veciños e grupos políticos e manter entrevistas xa con representantes de tódalas consellerías implicadas no conflicto, por fin serán recibidas en San Caetano pola Conselleira Carmen Gallego.

    Ademais da permanencia da fábrica, tratarán o problema da deslocalización das conserveiras. O que non solicitarán son axudas de ningún tipo polo parón laboral, xa que están legalmente en paro. Un tema sobre o que incluso bromearon dicindo que ‘quizais deberan solicitar algunha axuda pero para ir a un balneario’.

    Reaccións

    Por outra banda, o custe persoal que lles supón a estas traballadoras as protestas que levan a cabo foi un dos factores que incrementou a súa indignación polas declaracións o pasado venres da CIG nas que falaban de ‘montaxe’ ó referirse ó conflicto. Aínda que non quixeron abordar o asunto ante as cámaras si que se amosaron moi molestas e aportaron documentación que apoia as súas reivindicacións.

    Indignadas están as mulleres de Marsac coa CIG e coa súa responsable, Rosa Abuín, polas declaracións feitas o venres da semana pasada nas que falaba de montaxe. Abuín acusaba a Comisións Obreiras e ó PP do Grove de mentir e manipular no conflicto para beneficio propio e desmentía tódolos motivos que orixinaron a protesta. As traballadoras non perderon a calma e limitáronse, cunha tranquilidade que evidencia o seu convencemento, a asegurar que estas afirmacións caen polo seu propio peso e que o tempo lles dará a razón.

    De momento non quixeron facer declaracións ante as cámaras  pero si aseguraron que non teñen ningún tipo de fundamento as descualificacións da CIG. Unhas descualificacións que sosteñen que atenden a fins políticos xa que a súa central sindical sempre posicionou en favor da empresa e en contra das traballadoras. Comisións Obreiras, neste sentido, fixo público un comunicado o sábado no que rebatía as afirmacións da CIG e aportaba documentación na que demostraba a intención real da empresa de proceder ó traslado da fábrica. Comisións remitiuse ós acontecementos en relación co problema  para dar fe de que non se trata de invención ningunha senón dun problema en toda regra.

    Redacción Salnés