RIBEIRA> O presidente da Deputación da Coruña visitou esta mañá o concello de Ribeira para facer un balance dos investimentos do POS non só no municipio senón en toda a comarca do Barbanza.
O Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña é o mellor exemplo do compromiso da administración provincial co desenvolvemento dos concellos. Dende a súa posta en marcha no ano 2016 lévanse investidos mais de 15 millóns de euros tan só en Ribeira mentres que o montante total de toda a comarca supera os 90 millóns.
Tan só neste ano, o investimento do POS en toda a provincia supera xa os 100 millóns, cifra que aumentará notablemente a finais do exercicio co POS adicional.
Nesta anualidade, Ribeira recibirá 1’7 millóns destinados non só a gasto corrente senón tamén a achegar servizos básicos á cidadanía como saneamento, abastecementos ou pavimentacións viarias.
Ademais da importante inxección económica que supón este plan para os concellos, con criterios obxectivos e autonomía para decidir as prioridades dos investimentos, destaca o dinamismo que imprime ó tecido económico local posto que moitas das actuacións son executadas por empresas da zona, cun dobre impacto positivo.
O presidente da Deputación aproveitou a súa visita para comprobar algunhas das obras financiadas pola administración provincial como a cuberta do parque infantil de Abesadas ou a pavimentación e renovación de servizos na rúa Curbelo en Aguiño.