O Concello inicia as obras da cidade deportiva no Vinquiño

    obrascidadedeportivasanxenxo_100_060207.jpgSANXENXO > O Concello de Sanxenxo construirá unha cidade deportiva nunha parcela de 38 mil metros cadrados no Vinquiño

    … As instalacións contarán con dous campos de fútbol, un deles de céspede artificial e con gradas para 750 espectadores.

    Con dous equipos en terceira división, parece que o deporte estrela en Sanxenxo é o fútbol. E o Concello está a responder a esta demanda. Ós campos xa previstos en Noalla e Vilalonga, agora o goberno local acaba de engadir unha cidade deportiva nunha antiga canteira do Vinquiño, con outros dous campos de fútbol. A obra foi adxudicada á UTE constituída polas empresas Sercoysa e Asogal por un importe de 1,7 millóns de euros.

    cidadedeportivasanxenxo_200_060207.jpgA parcela está situada nas inmediacións do final da vía rápida, limitando co carril de servizo de entrada a Sanxenxo, na parroquia de Adina. Neste solar de case 38 mil metros cadrados construiranse dous campos de fútbol 11 cun terreo de xogo de 100 por 60 metros. Un deles estará dotado de herba artificial de última xeración e disporá dunha extensión perimetral adicional para accesos e servizos. Contará ademais con gradas con capacidade para 750 espectadores. O outro será de terra e terá gradas para 200 persoas.

    O proxecto contempla a construcción de vestiarios nunha estructura independente, e reserva espazo para unha sala de trofeos, cuarto de caldeiras e almacén. Inclúese tamén aseos públicos, cantina e taquillas de acceso. A cidade deportiva contará con alumeado, abastecemento de auga e rego, saneamento, drenaxe de pluviais e rede eléctrica, ademais de infraestructura de telecomunicacións e gas necesaria.

    Redacción Salnés