Pesca espera un informe xurídico das subvencións a Alfageme

    O GROVE > As traballadoras de Marsac desconfían que Alfageme estea desviando a elaboración do mexillón a outra empresa e así llo trasladaron hoxe á conselleira de Pesca. Sen embargo, de Carmen Gallego só recolleron o compromiso de estudiar as subvencións concedidas á conserveira.

    Un pouco máis do mesmo. É o que trouxeron os representantes do comité de empresa de Marsac da reunión mantida este martes coa conselleira de Pesca, Carmen Gallego e co director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca, Miguel Cabirta. Segundo manifestou a Telesalnés Barbanza Mari Carmen Caneda, nesta xuntanza acadaron máis apoio moral, algo do que as traballadoras andan sobradas.

    Carmen Gallego comunicou ó asistentes que, polo momento, o abono á empresa da axuda comunitaria de 81 mil euros correspondente a 2005 aínda non se fixo efectivo. Pesca asegura que está á espera dun informe xurídico que estudie a posibilidade de que Alfageme teña que devolver as axudas percibidas desde o 2000 ó non cumprir agora coas obrigas que supoñían estas subvencións tras paralizar a actividade en Marsac. A conselleira comprometeuse a trasladar a proposta de Comisións Obreiras de crear unha Mesa da Conserva ó resto de departamentos da Xunta implicados.

    O comité de empresa reclamoulle celeridade. A estas alturas, as traballadoras que se manteñen ás portas da fábrica seguen esperando que a empresa as chame a traballar na elaboración do mexillón, como estaba previsto. Mari Carmen Caneda lembra que xa están abertos case tódolos polígonos de bateas e que xa hai outras conserveiras traballando este producto.

    As traballadoras non entenden o atraso. Temen que sexa unha represalia por teren impedido o traslado da maquinaria da lura e mesmo desconfían que a dirección estea desviando o traballo a outra empresa. Con esa idea na cabeza, o piquete impediu hoxe que un camión sacase unha partida de cartón de Marsac. A tensión está a flor de pel nestas traballadoras que esta mañá tamén tiveron un pequeno enfrontamento verbal coa xerente da fábrica que Alfageme ten en Ribadumia.

    Redacción Salnés