A Xunta asegura traballar na busca dun socio industrial que permita salvar Thenaisie

O GROVE> A Xunta traballa na busca dun socio industrial galego que permita salvar Thenaisie. Así o indicou, cando menos, a Conselleira do Mar no Parlamento Galego, en resposta a unha pregunta do BNG sobre a situación da conserveira grovense. Os nacionalistas urxen ó goberno galego a que se involucren no conflito canto antes.

Co comité de empresa seguindo a sesión dende o propio Parlamento Galego, o BNG levou á Cámara a situación de Thenaisie. Os nacionalistas defenderon a viabilidade da conserveira meca, urxindo ó goberno galego a que interveña no conflito canto antes. Montse Prado lembrou que a empresa leva cinco meses en concurso de acredores.

A Conselleira do Mar, pola súa banda, indicou que a Xunta está a traballar na busca dun socio industrial galego  que permita salvar Thenaisie.

Rosa Quintana asegurou que a máxima prioridade do goberno galego é que se manteña a actividade industrial e os postos de traballo. Por iso, dixo, dende o primeiro momento estiveron en contacto co comité de empresa, propietarios e posibles socios investidores.

Quintana aproveitou tamén para poñer en valor as instalacións da conserveira, as súas marcas e o seu persoal, o que garantiría a viabilidade da empresa, de atopa-lo socio industrial que, polo momento, aínda non apareceu.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí