BOIRO> Unha denuncia presentada no cuartel da Garda civil de Boiro por unha veciña da localidade que comunicou a existencia de transferencias non autorizadas na súa conta bancaria por importe duns 160 mil euros foi o que alertou ós axentes que iniciaron unha investigación.
No marco da operación, baixo o nome de ‘Grubulus’, o Instituto Armado logrou identificar a un total de cinco persoas, acusadas dun presunto delito de estafa, outro de branqueo de capitais e un terceiro de pertenza a grupo criminal.
Segundo informaron dende a Garda Civil os investigados ofrecían produtos en páxinas web de compravenda de segunda man e cando contactaban coas potenciais vítimas, ofrecíanlles o pago dos produtos anunciados mediante unha coñecida aplicación de pagos.
Ó parecer enviaban diversos códigos ó teléfono da vítima simulando a recepción do pago, pero estas mensaxes contiñan un enlace a unha pasarela de pago maliciosa, o que lles permitía obter as claves de usuario e a autorización da plataforma da entidade bancaria da vítima, e despois poder realizar transferencias dende a conta sen a súa autorización.
A Garda Civil informou da identificación plena dos presuntos autores desta estafa, que formaban parte dun grupo criminal con ramificacións na Coruña, Alacante, Valencia e Girona.
No operativo puideron recuperar uns 23 mil euros. Tódolos investigados, xunto coas dilixencias practicadas, xa pasaron a disposición do Xulgado de Instrución nº 1 de Padrón, que é quen instrúe a causa.