CATOIRA > O Xulgado de Instrucción nº 2 de Vilagarcía decretou o arquivo da denuncia interposta polo grupo Independentes por Catoira contra o alcalde polas obras do campo de fútbol. A agrupación que lidera José Antonio Catoira, argumentaba a comisión de varios delictos na execución destas obras. O arquivo das actuacións foi moi ben recibido polo goberno local.
Segundo o alcalde, Alberto García, o arquivo do caso demostra de novo que as continuas denuncias de Independentes por Catoira son simplemente falsidades. Pero ademais o rexedor recorda que o tema do campo de fútbol non é o primeiro, e recorda outros anteriores, como o das obras de sumidoiros de Dimo, Abalo e Catoira de Arriba, as de sanemento en Trasdaveiga, as do Centro Social de Oeste, o pavillón de deportes ou a ampliación de Friscos entroutras. Todas foron presentadas por Independentes por Catoira e arquivadas ou desestimadas pola xustiza, o que representa, segundo García, un fraude legal, ademais de manchar sen xustificación a imaxe do concello. Por iso o alcalde anuncia que pedirá un informe para iniciar accións xudiciais contra José Antonio Catoira polos danos ocasionados así como a reclamación dos gastos que as súas denuncias lle supuxeron a tódolos veciños.
Redacción Salnés