Ana Pontón reclama á Xunta de Galicia que destine 200 millóns de euros á contratación de sanitarios

VILAGARCIA> Ana Pontón anuncia en Vilagarcía que reclamará ao Partido Popular unha partida de 200 millóns de euros para contratar profesionais sanitarios. A líder do BNG anunciou esta medida tras reunirse na vila con profesionais sanitarios e veciñanza molesta coa situación da atención médica no Salnés. Dende a formación nacionalistas cualifican de gravísima e de risco para a saúde da veciñanza a falta de profesionais sanitarios na comarca.

A comarca do Salnés estase convertendo no epicentro das denuncias contra atención sanitaria en Galicia. Dende o BNG levan meses cualificando ao Salnés como o quilómetro 0 da desfeita sanitaria. Unha comarca que xa se mobilizou debido á gran falta de profesionais en todos os centros médicos.

Ante esta situación, a líder do BNG xuntouse en Vilagarcía con profesionais sanitarios e con veciños molestos pola situación actual para escoitar as súas experiencias. Preocupacións como a falla de pediatría en moitos centros médicos. A líder do BNG considera que o PP está desmantelando a sanidade pública.

Os nacionalistas indican que a Xunta non destinará nos seus orzamentos máis partidas para contratar a novos médicos. Por iso, Ana Pontón anunciou en Vilagarcía que reclamarán ao Partido Popular unha partida de 200 millóns de euros para aumentar o persoal sanitario.

As denuncias do BNG non se centran só na sanidade. Tamén se mostran en conta das novas medidas fiscais da Xunta de Galicia.

Na reunión estiveron presentes nais e pais que ven con preocupación a falta de pediatras na comarca do Salnés. Algúns incluso advirten que os seus fillos non teñen asignado ningún profesional, que só poden ir unha tarde a Cambados a facer revisións. Dende o BNG consideran que estes son exemplos graves da falta dunha pata fundamental na sanidade, a prevención.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí