RIBEIRA > O executivo ribeirés vén de amosar o seu malestar ante a decisión do goberno central de reduci-los servizos prestados pola Oficina de Facenda de Ribeira. Con motivo da reestruturación da Axencia Tributaria, a delegación ribeiresa pasará a realizar unicamente funcións de asistencia e información, así como actuacións de control sobre persoas que non desenvolvan actividades económicas.
As numerosas xestións realizadas polo executivo local e demais concellos do Barbanza non deron os seus froitos e finalmente a delegación de Facenda de Ribeira verá rebaixado o seu nivel pasando a realizar meros trámites de rexistro de documentos, asesoramento e información. Soamente os contribuíntes particulares poderán realizar as súas xestións na oficina ribeiresa mentres que os autónomos e sociedades terán que desprazarse ata unha delegación de nivel dous, como a de Santiago.
A noticia caeu coma un xarro de auga fría no concello de Ribeira que xa tiña solicitado o mantemento de tódolos servizos da súa delegación, canto tivo coñecemento da reestruturación que estaba levando a cabo a Axencia Tributaria. Daquela, representantes do goberno central comunicaron ós representantes locais que a medida non afectaría á oficina situada en Ribeira; sen embargo, a resposta a unha pregunta presentada polo deputado do BNG, Francisco Rodríguez, confirmou a redución de servizos.
O tenente alcalde de Ribeira non entende o por qué desta decisión que será prexudicial para tódolos veciños de Ribeira e da comarca do Barbanza. Manuel Ruíz considera que o deber do goberno é facilitar e achegar os servizos básicos ós cidadáns en lugar de afastalos. Por este motivo, está prevista a presentación dunha iniciativa parlamentaria que impida a reestruturación dos servizos.
O descontento é xeralizado entre a poboación ribeiresa posto que a reestruturación de servizos obrigará ós contribuíntes a desprazarse para realiza-las xestións que, ata o de agora, podían facerse ó lado da casa.
Redacción Barbanza