Dous roubos en casas unifamiliares sementan o medo en Vilagarcía

    VILAGARCÍA> Os veciños de Vilagarcía viven con medo durante estes días. Os vándalos da movida causan serios danos no mobiliario urbán e nos comercios da vila. A estes feitos súmanse agora os roubos que se veñen producindo en vivendas nos últimos días, como é o caso de dous chalets na zona a Rosaleda en Sobradelo. Os asaltantes entraron no interior das vivendas mentres os seus donos durmían.

    As vivendas están situadas na zona de A Rosaleda na parroquia de Sobradelo moi preto unha doutra.  Os feitos producíronse de madrugada. Nun dos chalets os asaltantes romperon a valla metálica que o rodea para entrar no seu interior. Alí durmían alleos o que estaba sucedendo, un matrimonio e a súa filla de curta idade. A propietaria non se deu conta do roubo ata que se levantou pola mañá e se decatou de que a porta estaba aberta.  Está convencida de que os ladróns utilizaron un spray para que non se espertaran. Unha teoría que non comparten as forzas de seguridade. Os asaltantes levaron diñeiro en metálico e un teléfono móbil. No segundo caso entraron pola porta principal ó romper a fechadura. No seu interior atopábase a dona da casa xunto con dous fillos de sete e catorce anos. O marido chegou de traballar as seis da mañá e non se decatou do ocorrido xa que despois de aparcar o coche no garaxe entrou pola porta interior da casa. Como no primeiro caso leváronse un bolso que abandonaron no xardín. A partir de agora os dous veciños tomaran medidas, en amábalas dúas casas poñerán alarmas e en unha delas cortaran o pino da entrada da casa.

    Os veciños pola súa banda senten medo e impotencia ante estes casos xa que pensan que en calquera momento poden ser eles as víctimas.

    O partido popular de Vilagarcía expoñerá no pleno de hoxe a súa preocupación por estes actos. No caso do vandalismo cre que se deberían tomar medidas contundentes nas que os mozos deben estar implicadas. No caso dos roubos pedirá unha maior compenetración entre a policía Local e a Nacional para evitar casos como os acaecidos estes días.

    Redacción Salnés