A ‘Operación Lince’ continúa: novos rexistros e detencións en Vilagarcía, A Illa e Cambados

O SALNÉS> Esta tarde prestaron declaración ante o xuíz de Cambados dous dos sete detidos esta fin de semana no marco da operación Lince. Polas restricións derivadas do Estado de Alarma, fixérono por medios telemáticos.

Mentres isto sucedía nos xulgados cambadeses, a Udyco e o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga da Garda Civil continuaban co operativo. Un helicóptero da Policía Nacional percorreu este mediodía os barrios da Lomba e Fontecarmoa, en Vilagarcía. Ademais, os axentes interviron noutras zonas: o vilagarcián Parque da Coca e en vivendas de Tragove, en Cambados, e da Illa de Arousa. Nesta última tamén detiveron un veciño da localidade.

Trátase do primeiro gran golpe do ano ao narcotráfico galego, que se produce en plena alerta pola pandemia do coronavirus. Polo de momento, o alixo incautado ascende a 3.700 quilos de cocaína, un dos maiores dos últimos anos. A operación Lince comezou o sábado cunha persecución nocturna de dúas planadoras que quedaron varadas en Cambados e Ribeira, que rematou coa detención de dous homes: un galego e un cidadán peruano. Outras cinco realizáronse o domingo despois dun rexistro na Guarda.

As pesquisas apuntan a que a droga viña nun buque procedente de Perú, e que despois foi recollida polas lanchas lanzaderas para despois traela ata a costa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí