VALGA> Un novo festival chega ao concello de Valga. A fin de semana do 11 e o 12 de xuño terá lugar na contorna do Lago Mina Mercedes a primeira edición do Lagoafest no camiño. Na programación do evento inclúese música, xantar popular e atraccións para os nenos entre outras actividades. Tamén terá lugar unha recadación solidaria para asociación de enfermidades raras Art For Dent.
O concello de Valga ten unha nova cita na súa programación de festas culturais, o Lagoafest no Camiño. Un festival que buscar animar á veciñanza de Valga cunha programación que inclúe música, arte, actividades para nenos e nenas e xantares populares. O evento terá lugar a fin de semana do 11 e 12 de xuño nunha zona privilexiada como é a contorna do Lago Mina Mercedes, poñendo tamén en valor este espazo natural.
A programación é moi variada para dar cabida a todos os públicos. O espazo natural dividirase en dúas zonas. Nunha delas haberá atraccións, xogos para os nenos e nenas, a actuación do Mago David Maestro, merenda gratuíta para os máis pequenos, exhibicións e xantar popular.
E na outra das zonas, só o sábado, haberá un festival musical con artistas como Groove Amigos e Traffic House e outros emerxentes como Carlos López e Girl´s Gang
A entrada á zona popular será gratuíta pero pedirase unha pequena aportación simbólica para axudar a asociación Art For Dent, entidade que loita contra a enfermidade rara de Dent.
A asociación tamén estará presente no festival para informar sobre a enfermdade de Dent e para que quen queira colaborar con eles o poida facer. O festival musical pola súa parte terá un custo de 10 euros e as entradas están dispoñibles a través do móbil, da web e das redes sociais de Luxco Fuxco así como noutros puntos de Valga.