A Pobra recoñece o labor dos seu maiores co XVI Xantar da 3º Idade

    POBRA> A decimo sexta edición da xuntanza dos maiores da Pobra volveu congregar a centos de persoas no pavillón de Venecia. Os asistentes desfrutaron unha xornada festiva que contou coa asistencia da Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Os maiores da Pobra desfrutaron dunha das datas máis agardadas durante todo o ano. O tradicional xantar da terceira idade, organizado polo concello, reúne cada edición a centos de xubilados do municipio que comparten non só un xantar de confraternidade, senón unha xornada festiva que se prolonga ata a noite. Os actos comezaron ás doce da mañá cunha recepción no concello e posterior misa cantada na igrexa de Santiago do Deán. A continuación, realizaron unha visita ó Museo Valle-Inclán para desprazarse posteriormente ata o pavillón de Venecia, onde tivo lugar o xantar servido polo restaurante Chicolino. A orquestra Odisea foi a encargada de amenizar unha longa sobremesa na que non faltaron os sorteos e reparto de agasallos entre os asistentes que se amosaron encantados de que, un ano máis, os maiores teñan o seu día grande. O xantar contou coa asistencia da Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, quen destacou a importante contribución dos maiores á sociedade, como claro exemplo dun envellecemento activo. Tamén o alcalde quixo recoñecer o labor dos maiores na sociedade nun xantar moi especial para el xa que será o último que presida como xefe da corporación.