POBRA > Un suposto escape de gas obrigou a desaloxar un edificio na Pobra durante a tarde do sábado. O forte cheiro alertou ós veciños que inmediatamente deron aviso ós bombeiros e á Policía Local. Efectivos dos parques de Boiro e Ribeira realizaron as medicións oportunas comprobando que existía un elevado índice de gas na zona. Sen embargo, tras revisa-las instalacións de cada unha das vivendas non atoparon ningunha fuga.
Afortunadamente, todo quedou nun susto e os veciños do número seis da rúa Fernández Varela puideron volver ás súas casas trala intervención dos bombeiros.
Os feitos aconteceron arredor das oito da tarde do sábado, cando os veciños percibiron un forte cheiro a gas. Inmediatamente, os axentes da Policía Local ordenaron o desaloxo das seis vivendas existentes no inmoble. Ata o lugar, desprazáronse efectivos dos bombeiros de Boiro e Ribeira, que despregaron un espectacular dispositivo de prevención.
En primeiro lugar, procederon á medición da cantidade de gas na zona que resultou lixeiramente elevada. Inmediatamente iniciaron a revisión de cada unha das vivendas para comprobar se existía algunha fuga, tanto na instalación do gas como nas bombonas de butano. Unha vez finalizado o control, comprobaron que non existía ningún escape polo que os veciños puideron volver ás súas vivendas.
Polo momento, descoñécense as causas do forte olor a gas aínda que os veciños especulan coa posibilidade de que procedera da vivenda ubicada no terceiro piso, posto que os seus propietarios só a habitan durante o verán.
Redacción Barbanza