O concello de Boiro inicia os trámites para a ampliación do polígono de Espiñeira

BOIRO> Novo paso adiante para a dotación de máis chan industrial en Boiro. Responsables do concello mantiveron unha xuntanza co director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo e a directora de Xestur para presentar o anteproxecto de ampliación do polígono de Espiñeira.

O alcalde de Boiro cualificou de moi satisfactoria a reunión co director xeral do IGVS, Heriberto García, e a directora de Xestur, María Doporto, para abordar a creación de máis chan industrial en Boiro posto que actualmente está esgotado. O concello propuxo un anteproxecto que permitirá a dotación de máis de medio millón de metros cadrados de solo empresarial mediante a ampliación do actual polígono de Espiñeira.

A proposta foi moi ben acollida polos responsables autonómicos polo que os técnicos redactores comezarán xa coa solicitude dos permisos sectoriais e as modificacións urbanísticas para continuar coa tramitación.