Ecoloxistas en Acción denuncia o risco ambiental que ameaza o LIC de Corrubedo

    ecoloxistasenaccion_100_280708.jpgRIBEIRA > Ecoloxistas en Acción recolle Corrubedo no seu informe ‘Bandeiras Negras’, que inclúe as zonas máis ameazadas do litoral español.

    {flowplayer}barbanza/ecoloxistasenaccion.flv{/flowplayer}

    RIBEIRA > Ecoloxistas en Acción presentou o seu informe ‘Bandeiras Negras’ que inclúe as zonas máis ameazadas do litoral español, entre elas, Corrubedo. No seu periplo pola costa galega e despois do seu paso por Vigo, o veleiro Deusa Maat fixo un alto no concello de Ribeira para colocar sendas bandeiras negras na Illa de Sagres e no porto de Corrubedo.

    Con este feito, Ecoloxistas en Acción pretenden chamar a atención sobre a situación de ameaza ambiental en que se atopan estes e outros puntos do litoral atlántico e cantábrico por mor da contaminación e o urbanismo incontrolado que non só poñen en perigo os recursos naturais senón a economía local dos pobos.

    Punto negro

    O informe ‘Bandeiras Negras 2008’ recolle o complexo húmido de Corrubedo como un dos cinco puntos negros da costa coruñesa posto que, a pesar da súa riqueza natural, no seu entorno están previstos diversos proxectos que ameazan seriamente o seu ecosistema.

    Outras das zonas máis ameazadas dentro do municipio ribeirés son a zona da Penisqueira en Aguiño, na que está prevista a instalación do emisario dunha macrodepuradora, ou a praia de Coroso ante a futura ampliación do porto deportivo da localidade.

    Tras denunciar os principais riscos que ameazas ás rías galegas e a necesidade de habilitar medidas de protección, o veleiros Deusa Maat seguirá o seu percorrido pola costa cantábrica ata Asturias para alertar sobre a degradación que está a sufrir o litoral do norte que cada vez presenta un panorama máis similar ás desfeitas urbanísitcas que provocou a sobre explotación na costa mediterránea.

    Redacción Barbanza