Fexdega acolle SIPPA e o I Festival Gastronómico Luso Galaico

    VILAGARCÍA > Fexdega será a vindeira semana o referente da gastronomía galega e portuguesa. Restaurantes de ambas rexións participarán no primeiro Festival Gastronómico Luso Galaico, coincidindo coa celebración do V Salón de Panadería e Pastelería.

    O Recinto Feiral de Vilagarcía acolle a vindeira semana a quinta edición do Salón de panadería e pastelería, SIPPA, que este ano coincide co primeiro Festival Gastronómico Luso Galaico. En Fexdega reuniranse a partir do día 3 un cento de expositores que amosarán equipamentos, materias primas e maquinarias para amasar e enfornar. Un día antes comezarán a traballar os cinco restaurantes portugueses e outro do Salnés que ofertarán menús típicos de ambas rexións.

     

    O nexo común entre ambos eventos será o pan. Os restaurantes ofrecerán o venres chapata e centeo, o sábado baguetiñas e pan de allo, o domingo pan artesán e integral, e o último día, o luns, pan de cereais e pasesiños. A feira SIPPA abrirá ás once da mañá igual que os restaurantes, pero mentres o salón profesional pecha as portas ás nove da noite, o festival gastronómico seguirá ofrecendo menús ata medianoite.

     

    Ademais dos expositores, SIPPA compleméntase cun ciclo de xornadas técnicas e conferencias. O Festival terá como día sinalado o sábado 4, xornada que dedicará a Matosinhos. Ese día a Confederación Luso-Galaica entregará as súas medallas de ouro a Fexdega, o concello de Vilagarcía e á Cámara de Comercio de Vilagarcía.

    Redacción Salnés