O xuíz impón catro anos de cárcere a Hugo Piñeiro

    accidente_via_salnes100_140406.jpgMEIS > Catro anos de cárcere. É a pena imposta ó mozo marinense Hugo Piñeiro, autor do accidente no que faleceron catro motoristas e a súa nai …

    … na vía do Salnés, no Venres Santo de 2006.

    O xulgado do Penal Número 2 de Pontevedra impúxolle esta condena ó consideralo autor de cinco delitos de homicidio por imprudencia grave. O fallo prívao ademais do dereito de conducir vehículos a motor durante 6 anos. O accidente de tráfico produciuse o 14 de abril de 2006 e nel resultaron mortos catro motoristas ademais da propia nai do mozo, que viaxaba de copiloto no Hyundai Coupé que pilotaba Hugo Piñeiro. O tribunal imponlle a pena máis alta tipificada para este tipo de delito e asume as peticións do fiscal e das acusacións particulares.

    O fallo establece que aquel Venres Santo Hugo Piñeiro conducía o coche adquirido pola súa nai semanas antes a pesar de non ter inda permiso de conducir. Engade que circulaba a unha velocidade de entre 85 e 100 quilómetros por hora, sen pasar a establecida para a vía pero si a do límite que se permite a un condutor novel. No punto quilométrico 1,5 ó circular totalmente desatento á condución foise desprazando á dereita ata que escoitou as bandas sonoras, deu un volantazo á esquerda invadindo o carril contrario delimitado por liña continua e isto provocou a colisión contra as dúas motos.

    O acusado tiña aprobado o exame teórico do permiso de conducir e recibira 14 clases prácticas, pero o fallo entende que non estaba capacitado para a condución do vehículo. O Xulgado ten en conta ós peritos da Garda Civil que aseguran que o accidente está motivado por unha distracción, e tamén a declaración de dúas testemuñas que circulaban detrás do mozo nunha furgoneta. Estes afirman que o rapaz xiraba a cabeza ó lado dereito como se falase co seu acompañante.

    Redacción Salnés