ACP e PP piden un pleno para retirar as dedicacións a Angueira e Castro

    PONTECESURES > ACP e PP de Pontecesures solicitan un pleno extraordinario para que o alcalde e a edil de urbanismo deixen de ter dedicacións, exclusiva o primeiro, e parcial a segunda. Estes salarios custan ó concello 63 mil euros anuais segundo denuncian ambos grupos. A resposta non se fixo esperar por parte do BNG. Os nacionalistas pedirán o cese do seu socio de goberno, Ángel Sabariz se este non reconsidera a súa postura.

    O goberno tripartido de Pontecesures non atravesa os seus mellores momentos. A primeira chamada de atención por parte dun dos socios, ACP, foi a finais de novembro. Nesta ocasión, o motivo de conflicto radica na  dedicación exclusiva do alcalde, e na dedicación parcial da edil de IP Maribel Castro, responsable da área de urbanismo.

     

    Nesta protesta, o concelleiro de ACP, Luís Ángel Sabariz, conta co apoio dos dous edís do PP Ángel Souto e José Luís Jamardo. Ambos grupos solicitan un pleno extraordinario no que único punto de debate sexa a retirada destas dedicacións. PP e ACP argumentan que coa dedicación exclusiva, o alcalde trata de facer unha xestión personalista e lembran que mesmo non delega nos días en que está ausente. Denuncian escurantismo na xestión desde que o rexedor percibe un soldo, xa que se pechan dependencias e se impide a consulta de expedientes a outros membros da corporación. Inciden tamén en a pesar da dedicación exclusiva do alcalde segue a división dos traballadores do concello.

     

    A crítica esténdese á edil de urbanismo. Denuncian demoras excesivas na súa xestión e na toma de decisións. Para ACP e PP non é suficiente para ter unha dedicación parcial que a edil cubra instancias de licenzas de obras ou facilite planos, xa que para iso está o persoal administrativo e técnico do concello. Ambos grupos argumentan tamén que ambas dedicacións non son rendibles, pois supoñen un gasto aproximado de 63 mil euros ó ano.

     

    Sobre isto xa se pronunciou o grupo municipal do BNG. Manifesta que, coa nova Xunta,  o concello cesureño ten proxectos moi importantes que non se poden por en perigo por cuestións personalistas e caprichos persoais. O BNG espera que Sabariz reconsidera a súa postura a tomar neste pleno que solicita. De non ser así, os nacionalistas solicitarán ó alcalde o cese inmediato do edil de ACP como membro do equipo de goberno, coas consecuencias que esto supón.

    Redacción Salnés