CALDAS > O equipo de goberno de Caldas aprobou en solitario o presuposto municipal para o ano 2006, que ascende a 6,7 millóns de euros. Como xa estaba previsto, os dous grupos da oposición, PP e BNG, rexeitaron as contas amparándose, sobre todo no informe de Intervención.
A oposición municipal de Caldas volveu a aludir a débeda e ós recoñecementos extraxudiciais de crédito para rexeitar o orzamento deseñado polo PSOE. Tanto BNG como PP entenden que o equipo de goberno recorre con demasiada frecuencia a estes sistemas para pagar facturas atrasadas, algunhas dos anos 2002 e 2003. Populares e nacionalistas cren que o concello tería que incluír unha partida nas contas municipais para facer fronte a eses pagos pendentes e para isto remítense ó informe de Intervención, que cualifican de demoledor.
O PSOE defendeu uns presupostos que considera os máis investidores da historia do concello, con máis de dous millóns e medio de euros previstos neste capítulo. O concelleiro de Facenda, Juan Manuel Rei restou importancia ás recomendacións técnicas e mesmo sinalou que o endebedamento do concello está moi poe debaixo dos límites legais permitidos.
O goberno local defendeu os investimentos en desenvolvemento local, no que se inclúen, entre outros, a mellora da praza de abastos, un campo de fútbol de herba artificial e o complexo termal.
Redacción Salnés