O protagonismo dos clientes dá á Farmacia Rolán o premio nacional Cinfa á innovación

VILAGARCÍA> A farmacia Rolán de Vilagarcía gañou o premio nacional Cinfa a innovación en farmacia comunitaria. O galardón premia a campaña “vecinos” na que pon cara nos escaparates ós clientes. A farmacia continuará a campaña co seu ben máis prezado, os pacientes.

Cando a farmacia Rolán de Vilagarcía cambiou o seu local de Matosiños polo da Avenida Doutor Tourón, a dona atopouse cun espazo moi amplo e tres escaparates nos que non sabían que expoñer. Quixeron facer algo diferente e de aí xurdiu a idea de dar protagonismo ós veciños.

A campaña tivo unha gran acollida no barrio. Os clientes levaban as fotos e María Jesús e o seu marido montaban as imaxes e elixían o slogan. A primeira foi Carla, da cafetería Pincho, que foi a que lles deu a idea, e a continuación máis pacientes e comerciantes da zona.

A propietaria compartía a anécdota dunha veciña que se mostraba moi feliz de que a recoñeceran polo seu nome e non por ser a filla de ou a nai de. A gran acollida fixo que Maria Jesús non dubidase en presentar esta iniciativa ós premios Cinfa.

O protagonista actual é un cliente que tivo un problema de saúde hai 25 anos. A farmacia continuará ca iniciativa e xa están traballando en novos proxectos. O seguinte escaparate terá como protagonista a María Jesús recollendo o premio. Unha homenaxe a todos os veciños.

Comments are closed.