A Mancomunidade cifra en case 500 millóns o impacto economómico do turismo no Salnés

O SALNES> O Salnés recibiu 1,7 millóns de turistas o ano pasado. Con respecto a 2023, o número de turistas que pernoctaron na comarca medrou máis dun 8%, coa parte positiva de que estiveron máis repartidos ao longo de todo o ano. Segundo os cálculos do organismo comarcal, este desembarco supuxo un impacto económico na zona de case 500 millóns de euros. Dos datos facilitados hoxe despréndese outro destacado: o incremento constante das vivendas turísticas, roldando case as 29.000, o que, por outra banda, agrava aínda máis o acceso á vivenda na zona.

O Salnés consolídase como o gran destino turístico de Galicia. No 2024 a comarca contabilizou 1,7 millóns de turistas.

O incremento repártese polos nove concellos da comarca. Encabeza Sanxenxo con case 650.000 turistas, seguido do Grove con 300.000 e Vilagarcía con máis de 200.000. O mes máis intenso foi agosto, cando O Salnés recibiu máis de 430.000 persoas.

Con todo, o incremento de visitantes repártese ao longo de todo o ano.

En canto a procedencia dos turistas, destaca o turista da provincia, seguido doutras partes de Galicia e Madrid. No aspecto internacional, Potugal volve ser o princpal emisor, cun forte incremento do turista británico, mentres o alemán vai a menos. Todo isto, explican dende a Mancomunidade, está a xerar un gran impacto económico que hoxe por primeira vez cuantificaron.

A día de hoxe O Salnés ofrece case 59.000 camas, case a mesma cantidade que o que ofrecen en conxuto as sete grandes cidades galegas. Salienta o forte incremento das vivendas turísticas, roldando case as 29.000. Para algúns, isto agrava o acceso á vivenda na comarca, para a Mancomunidade, unha oportunidade para os concellos como Ribadumia, Meis ou Meaño.

No acto desta mañá tamén participaron José Aspérez, delegado de turismo na Mancomunidade, e o vilanovés Javier Tourís, deputado provincial. Ambos coincidiron na importancia da colaboración institucional entre todas as administracións para acadar o que cualificaron de ‘bos datos’ turísiticos.