BARBANZA > A pesar de que a Consellería de Política Territorial anunciara a adxudicación das obras da autovía do Barbanza para o día 31 de xaneiro, o proxecto volveu sufrir outro retraso. A mesa de contratación reunirase o próximo 8 de febreiro para estuda-los informes de valoración con respecto á seguridade viaira e a redución do impacto ambiental.
Ata o momento a Consellería non dispón dos informes de valoración sobre as ofertas presentadas, que foran encargados o pasado mes de decembro a unha empresa consultora. Por este motivo, o departamento autonómico non dispón aínda da información técnica complementaria que permita tomar unha decisión. Deste xeito, a adxudicación non se producirá ata despois da reunión que terá lugar o 8 de febreiro na sede da Consellería, producíndose así un novo retraso no proxecto.
Nesta xuntanza valoraranse as análises realizadas sobre as distantas propostas, con especial interese en dous apartados básicos: a seguridade viaria e a redución do impacto ambiental.
Dende a Xunta considérase que estes dous aspectos non se contemplaron con rigor no anteproxecto da autovía a pesar de que a vía rápida concentra un dos maiores índices de sinistralidade e mortalidade das estradas galegas.
O malestar ante a noticia é xeralizado nos concellos barbanzáns que contaban con que a Consellería tivera adxudicado o proxecto hoxe, como data límite. O desdobramento da vía rápida en autovía constitúe nunha das obras máis demandadas na comarca polo forte impacto social que teñen os frecuentes accidentes mortais rexistrados nesta estrada.
Os alcaldes do Barbanza teñen previsto volver a reunirse coa conselleira de Política Territorial para solicitarlle a urxente adxudicación desta obra tan necesaria.
Redacción Barbanza