Pesca estuda a creación dunha nova lonxa en Ribeira xestionada polo sector

    RIBEIRA > A Conselleira de Pesca, Carmen Gallego, realizou unha visita a Ribeira para manter encontros coas principais organizacións do sector marítimo. A titular autonómica percorreu as instalacións da actual lonxa, onde plantexou a posibilidade de creación dun novo recinto xestionado de forma mancomunada polos membros do sector.

    A Conselleira de Pesca, Carmen Gallego, acudiu ó concello de Ribeira, acompañada da delegada territorial de Pesca na Coruña, Rosa Liaño, e o diretor Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, Manuel Cabirta. Trala recepción oficial e a reunión coa xunta de portavoces, a delegación autonómica desprazouse ata a lonxa onde mantivo un encontro coa directiva da Asociación de Compradores de Peixe de Ribeira (ACOPERI). Nesta xuntanza, a conselleira plantexou o proxecto que está a estuda-la Xunta para a nova lonxa de Ribeira que pretende delegar a xestión das instalacións nas distintas organizacións do sector marítimo. Carmen Gallego solicitou a colaboración do concello e das distintas asociacións para levar a cabo o proxecto.

    A Conselleira reuniuse tamén coa cooperativa de Armadores, a Asociación Local de Arrastreiros e a Asociación de Armadores de Cerco, para escoita-las súas principais demandas e expoñe-las solucións plantexadas dende o seu departamento.

    A continuación desprazouse ata as instalacións do grupo conserveiro Frinsa, onde mantivo unha reunión con algúns dos seus directivos.

    Xa pola tarde, Carmen Gallego visitou a confraría ribeiresa para reunirse co patrón maior, o cabildo e o presidente dos mariscadores. Antes de remata-la súa visita, a  conselleira quixo escoitar tamén as reivindicacións da Organización de Produtores Palangreiros (ORPAL).

    Redacción Barbanza