Sara Gómez, Jesús Maquieira, Raúl Bouzas, Antón Paz, Atletismo Liceo, finalistas

VILAGARCÍA > Baloncesto, judo, taekwondo, vela e atletismo. Son os deportes onde o nome de Vilagarcía destacou entre os primeiros. O concelleiro de deportes Carlos Guerrero deu a coñecer o nome dos cinco finalistas elixidos polo xurado do premio ó mellor deportista local 2005.

Sara Gómez, pola súa participación na máxima categoría do baloncesto feminino estatal, e polo quinto posto acadado no Mundial coa selección española. Jesús Maquieira, terceiro no Campionato Galego absoluto de Judo e campión galego júnior, primeiro no Sector Oeste de España categorías sub 23 e absoluta e subcampión de España junior. Raúl Bouzas, campión de España júnior de taekwondo, primeiro no Open de Holanda, cuarto no Campionato de Europa, campión galego escolar e subcampión galego de técnica e exhibición. Antón Paz, campión de España, de Europa, do mundo e mellor regatista mundial de 2005. E o equipo sénior feminino de Atletismo Liceo Casino – Tellanova, que acaba de ascender a Primeira Nacional e acadou o subcampionato de España de 2ª Nacional, ademais do terceiro posto no Campionato Galego. De entre estes cinco nominados sairá o gañador do Premio ó Mellor Deportista Local 2005 que se entregará na Festa do Deporte o vindeiro día 10.

Previamente, nesta gala recoñecerase a labor de persoeiros e entidades. Recibirán mencións especiais Javier Bouzada, autor do libro ‘Arosa 60 años de Historia’, a selección de Atletismo de Discapacitados de Vilagarcía polo seu primeiro posto nos Xogos do Eixo Atlántico e o club IFP Fontecarmoa de xadrez por ser o que máis licencias e equipos de competición ten de Galicia e por éxitos como o Pedrón de Ouro ou a Olimpíada Escolar. En organización de eventos recoñecerase a labor das comisións da décima edición tanto do Arousa Fútbol 7 como do Vilagarcía Basket Cup, en medios de comunicación a José Luís Chantrero do Diario de Arousa; e en empresas colaboradoras a Sigaltec.

Coa entrega destes premios rematará a semana dedicada ó deporte. As actividades comezan o vindeiro martes, coa inauguración no auditorio dunha mostra fotográfica dos reporteiros gráficos do Salnés. O mércores, tamén no auditorio haberá unha charla sobre ‘Os beneficios da actividade deportiva nos adultos’. O xoves haberá deporte para todos en Fexdega e o venres reservarase o espazo ós escolares do concello, que tamén asistirán no auditorio á obra de teatro ‘O gordo e o calvo’ patrocinada por Caixanova.

Redacción Salnés