O concello saca adiante a aprobación provisional da Ronda de Sanxenxo

    SANXENXO > Non houbo sorpresas no pleno da aprobación provisional da avenida Aviador Piñeiro de Sanxenxo. A oposición mantivo o seu voto en contra e criticou duramente a resposta do equipo técnico ás alegacións presentadas. O equipo de goberno valeuse da súa maioría absoluta para seguir avanzando na tramitación deste proxecto.

    O goberno local de Sanxenxo volveu a quedar só na súa defensa do proxecto da Avenida Aviador Piñeiro. A oposición insistiu na súa negativa a apoiar provisionalmente esta actuación urbanística. O debate plenario centrouse nesta ocasión nas alegacións presentadas.

    O PP lamentou que algúns veciños optasen por sumarse a un manifesto xenérico, en referencia ás dúas alegacións promovidas polo colectivo Ronda Non, que non quixo faltar a este pleno. A oposición pediu que se respectaran as 198 firmas que apoiaron estas alegacións. O PP entende que en total só se presentaron 109 alegacións por rexistro. A oposición tamén criticou a labor do equipo redactor á hora de responder as alegacións.

    PSOE e BNG coinciden en que non se respondeu ó que realmente se preguntaba e incluso afirman que se usou un vocabulario provocador. O portavoz nacionalista tamén acusou ó alcalde de faltar á verdade por afirmar que coa ronda o concello podería recibir de balde o pazo de Miraflores. Fernández Lores sacou a relucir unha alegación presentada polos propietarios do inmoble na que aseguran que tal cesión carece de fundamento legal e que precisa dun convenio.

    O alcalde ratificouse nas súas palabras e asegurou que se aínda non houbo acordo é porque non lle interesa ó goberno. O alcalde deu por concluído o debate e desexou que a Xunta recoñeza a necesidade deste proxecto para solucionar os problemas de tráfico de Sanxenxo.

    Redacción Salnés