A división provoca un escaso seguemento da manifestación dos mexilloeiros

    SANTIAGO > Escasa participación e ánimos crispados. Éste pode se-lo resumo da manifestación organizada polo sector mexilloeiro na mañá do xoves. Arredor de mil cincocentas persoas segundo a organización se deron cita en Santiago de Compostela para pedirlle á Xunta máis apoio. Pero moitos botaban en falla ós compañeiros que decidiron non sumarse á convocatoria. En Santiago, seguindo todo o que aconteceu ó longo da mañá estivo tamén Telesalnés Barbanza.

    manifamexillon_300_020206.jpg Arredor das dez da mañá comezaron a concentrarse na praza do obradoiro os membros do sector mexilloeiro. Bateeiros, depuradores e tamén representantes dos cocedeiros. Anque xa a primeira hora se percibía un certo malestar pola escasa convocatoria e se escoitaban as primeiras críticas pola politización do acto. Outros non eran tan duros cos que decidiron non sumarse pero aseguraron que era importante defende-los intereses dun sector que o está a pasar mal.

    Ás once da mañá a marcha partiu do Obradoiro en dirección a San Cayetano. Encabezando a manifestación os presidentes das principais organizacións e representantes do Consello Regulador encabezados polo seu presidente. Comezaban entón a escoitarse as primeiras consignas, anque moi timidamente.

    Xa en San Caetano os berros facíanse máis intensos e comezaban as alusións á Conselleira. O presidente do Consello Regulador foi o encargado de ler o manifesto, no que ademais de explica-los motivos desta marcha, destacou a importancia do sector mexilloeiro en Galicia.


    A continuación, o presidente do Consello e os principais responsables das organizacións convocantes entregaron no rexistro da Consellería de Pesca as peticións do sector e pediron unha xuntanza coa conselleira, que non lles foi concedida baixo o pretexto de que tiña a axenda completa. Unha excusa que non gustou ós responsables de Opmega nin ós que esperaban tralas reixas de San Caetano.

    Só algúns, como Manuel Castro mantiñan a esa hora o espírito da convocatoria, porque foron moitos os que á vista da escasa afluencia amosaban a súa desilusión. E o que comezara sendo unha manifestación de crítica á Xunta, remataba nunha crítica ó sector dende o propio sector. Un perigoso xiro que provocaba o chamamento á calma do presidente do Consello.

    Redacción Salnés