A Carballeira de Ribadumia podería ser Espazo Natural de Interese Local

    RIBADUMIA > A Carballeira de Ribadumia centrou este xoves o debate plenario neste concello. A corporación aprobou primeiro o proxecto de acondicionamento desta área recreativa, cun presuposto de máis de 83 mil euros. Logo, a través dunha moción de Independentes acordouse estudiar a declaración de Espazo Natural de Interese Local para a carballeira.

    A comisión de medio ambiente de Ribadumia estudiará nos vindeiros días un decreto da Xunta que regula a figura do Espazo Natural de Interese Local. Así se acordou no pleno deste xoves a raíz dunha moción presentada por Independentes. A intención é solicitar esta figura para a Carballeira de Ribadumia co fin de protexer a súa riqueza natural.

    A voceira de IR, Mar Rei, considera que o concello debe velar porque sexa compatible o uso e aproveitamento desta carballeira coa protección da súa riqueza natural. PP e BNG amosáronse partidarios desta iniciativa pero propuxeron estudar antes o decreto para descartar calquera limitación nos seus usos.

    A Corporación de Ribadumia tamén se puxo de acordo á hora de aprobar o proxecto da obra de mellora da carballeira, cun presuposto de máis de 83 mil euros, con cargo ó PRODER. A obra consiste na construcción de dous aseos no semisoto da casa de Cultura con acceso directo á carballeira. Tamén se mellorarán os taludes con vexetación e instalaranse máis papeleiras e iluminación. O proxecto inclúe o empedrado dunha zona reservada para escenario. A corporación aprobou tamén o prego de condicións para sacar a obra a concurso. O prazo de execución será de tres meses, e a alcaldesa confía en que os traballos rematen antes do verán.

    Outra cuestión aprobada no pleno foi a concesión dunha axuda fixa de 950 euros para a Escola de Música.

    Redacción Salnés