Antón Losada: ‘Os contenciosos sairán dos petos de tódolos cambadeses’

    antonlosada_100_160107.jpgCAMBADOS > Vicepresidencia respecta a decisión e o dereito do Concello de Cambados de interpoñer tres contenciosos contra a decisión de pechar a gardería municipal por parte da Xunta de Galicia.

    Así o asegurou esta tarde o secretario Xeral de Vicepresidencia, Antón Losada, quen pediu ó alcalde, Cores Tourís, respecto polo traballo e profesionalidade dos funcionarios. Unha cuestión que considerou que está a ser posta en entredito por parte do rexedor cambadés.

    Os funcionarios que informaron das irregularidades que presenta a gardería ‘son persoas que xa estaban co anterior goberno e que o estarán no vindeiro e, polo tanto, merecen todo o respecto pola súa profesionalidade’, comentou.

    Losada asegurou estar acostumado ás descualificacións do rexedor cambadés pero amosouse implacable na aplicación da lei. Lamentou a postura de Cores Tourís por embarcarse no que tildou de guerra absurda que se tivera solucionado cunha simple regularización dos documentos pero que ó non telo feito a aplicación da lei é igual para todos. ‘Así empezou tamén o problema co CIM e durou un ano’, dixo.

    Losada lembrou ademais que todo este proceso xudicial no que se emborcou o alcalde cambadés será ó final pagado polos petos de tódolos veciños do municipio innecesariamente.

    O concello culpa ó BNG

    Pola súa banda dende o concello, culpan ó BNG local de apoiar a tese de Losada antepoñéndoo ós intereses dos veciños nun servizo coma o da gardería. Convida ós seus representantes a que defina quen son os nenos que corresponderían ó quinto módulo fantasma e inciden en que os populares nunca buscaron a confrontación.

    Redacción Salnés