A ILLA> A Illa de Arousa prepárase para unha mobilización multutidunaria contra Altri e a mina de Touro – O Pino por terra e mar. A organización agarda a participación duns 500 barcos de toda a ría na manifestación convocada para este vindeiro domingo para esixir a denegación definitiva destas dous proxectos. Por terra, a marcha partirá do Bao e ramatará no Xufre. Fan un chamamento á participación masiva porque, lembran, a mobilización social foi clave para frear ata o de agora estas dúas ameazas.
Dende unha embarcación bateeira no porto do Xufre, as plataformas en Defensa da Ría de Arousa, Mina de Touro – O Pino Non e Ulloa Viva fan un chamamento a participar na manifestación deste vindeiro domingo contra Altri e a Mina de Touro – O Pino. Unha protesta por terra e por mar, na que agardan mobilizar medio milleiro de embarcacións da ría.
Por terra, agardan a chegada de milleiros de persoas ao municipio insular. A marcha partirá do Bao ata O Xufre. Recomendan achegarse con tempo para evitar o colapso do acceso.
Os colectivos convocantes esixen a denegación definitiva dos proxectos de Altri e da Mina de Touro-O Pino. Denuncian que as empresas promotoras continúan impulsando os seus proxectos e que a Xunta segue mantendo abertas as súas tramitacións. Lembran que a mobilización social foi clave para frear estes proxectos ata agora.
Ao mesmo tempo, advirten da grave situación que atravesa a Ría de Arousa e da necesidade de protexer os recursos naturais, o marisqueo e a pesca.
A marcha partirá ás 12 do mediodía do Bao co obxectivo de encontrarse, xa contra a unha da tarde no Xufre coas embarcacións mobilizadas por mar.











