Os clons de albariño poderían comercializarse en dous ou tres anos

RIBADUMIA> Os clons de Albariño poderían comercializarse en cuestión de dous ou tres anos. A estación de viticultura de Leiro, en Ribadumia, seleccionou 10 exemplares da variedade coas mellores características. A investigación iniciouse nos anos 90. A fase actual do proxecto corresponde á plantación das cepas nai.

Nun prazo máximo de tres anos os clons de Albariño poderían comercializarse. A Estación de Viticultura de Leiro, en Ribadumia, seleccionou 10 exemplares mellorados en produción, acidez e grao. Son as cepas de Albariño que producen máis que a media, que teñen un grao alcólico superior á media e que posúen unha acidez total menor.

O camiño para chegar ata aquí foi longo e lento. Dunha selección principal de 112 cepas, dos que finalmente se selecionaron 10 clons, que son os que agora a Xunta quere producir co cultivo de pes nais para poñerlos a disposición dos agricultores a comezos da vindeira década.

A selección clonal fíxose en base a un estudo xenético e tamén a unha escolla sanitaria. Cada un dos 10 clons ten unhas características determinadas, o que permitiría a cada produtor selecionar aquel que mellor responda ás súas necesidades.

Hai moitos anos que os adegueiros e os produtores do Salnés reclaman que a administración poña no mercado estes clons.

As investigacións, que agora se centran nos pes nais que se cultivan na Evega deixan datos sorprendentes: en case tódolos casos as cepas elixidas superan os 13 graos de alcol e varias delas producen máis de 2 quilos de uva, o que supón un incremento produtivo de ata o 63% sobre a media.