O alumnado do IES do Carril volve denunciar deficiencias no centro: ‘A auga sae marrón’

CARRIL> Concentración do alumnado e profesorado do instituto de Carril reivindicando melloras nas instalacións. Reclaman o arranxo urxente do pavillón e o cambio das tubaxes que, advirten, levan moito tempo botando auga de cor marrón. Piden tamén que se cumpra a lei e que a Xunta instale no centro un ascensor. Medidas, insisten, que veñen reclamando dende hai anos sen que o goberno galego actúe.

Ducias de estudantes, xunto co seu profesorado, concentrouse ás portas do instituto de Carril reclamando unha educación de calidade. Denuncian as deficiencias que padece o centro.

Son todas elas vellas reivindicacións. As familias din estar fartas de levar tanto tempo pedindo o mesmo sen que a Xunta atenda ningunha das súas demandas.

A dirección do centro mantivo varias reunións con Educación. A Xunta recoñece que hai melloras pendentes, pero polo de agora non se resolveu ningunha.

No centro marcan como prioritario o arranxo do pavillón e o cambio das cañerías. Tamén lles parece vergoñento que a propia Xunta non cumpra a lei e non instalase aínda un ascensor, tal como se recolle na normativa.

Ademais, solicitan tamén melloras no transporte escolar, así como a dotación de novos servizos, como un salón de actos, máis aínda tendo en conta que neste centro impártese o bacharelato de artes.