O concello de Vilagarcía asegura ter permiso para as obras do Pereiro

    VILAGARCÍA > Vilagarcía contestou á denuncia feita polo alcalde de Vilanova sobre a suposta execución de obras no seu concello sen licencia. Precisamente quen falou sobre o tema foi o edil de obras, Manuel Rodríguez Cuervo, quen asegurou que as obras son totalmente legais, posto que se pediu autorización e houbo silencio administrativo e por tanto resposta afirmativa.
    O concelleiro de Obras, Servizos e Rural de Vilagarcía desmentiu hoxe que as obras da zona do Pereiro se estén facendo sen autorización, e amosou os papeis que demostran que en xuño se informou a Vilanova destas obras xa que o propio concello vilanovés pediu dous meses despois máis documentación. Documentación que lle foi enviada o día 15 de setembro. Van alá por tanto máis de tres meses. Segundo o edil, este tipo de obras que afectan a dous concellos son comúns nas zonas limítrofes e mesmo recordou que Vilagarcía está dándolle servizo a veciños de Vilanova en zonas como o Rial, Galáns ou Eiviño. Rodríguez Cuervo tamén recordou que el mesmo falou co alcalde de Vilanova para face-lo saneamento na zona de Aralde, que tamén afectaría ós dous concellos. Esa obra está pendente de comezar, pero á vista do sucedido, será Durán quen teña que explicar se quere ou non que esas obras se fagan.

    Redacción Salnés